Soberanía dixital e prácticas comunitarias


Este proxecto de investigación explora a soberanía dixital desde unha perspectiva artística, cultural e comunitaria, ao mesmo tempo que investiga e difunde alternativas baseadas en tecnoloxías libres, federadas e descentralizadas.

A investigación parte da necesidade de construír unha base teórica e política compartida que permita comprender o impacto das tecnoloxías dixitais na vida cotiá, así como identificar proxectos, colectivos e prácticas comunitarias existentes. Esta base convértese nun espazo desde onde xerar coñecemento colectivo, compartir ferramentas e activar novas formas de organización e imaxinación política.

Desde o contexto artístico e cultural, o proxecto presta especial atención aos procesos de produción, circulación e recepción das imaxes e dos contidos dixitais, situando no centro os coidados, a responsabilidade colectiva e a mediación dixital. Un dos eixos principais céntrase nas redes sociais e na análise crítica do tecnocapitalismo neoliberal das plataformas privativas, o tecnofeudalismo, a viralización dos discursos de odio, así como os mecanismos de manipulación, control e censura que operan a través dos algoritmos, dos termos e condicións de uso e das políticas dixitais.

A proposta explora alternativas que poñen no centro a soberanía, os dereitos e as comunidades para transformar as infraestruturas institucionais e ensaiar futuros dixitais locais, comunitarios e descentralizados, onde a tecnoloxía estea ao servizo da vida e non do capital.

Ir o contido